De esquerda a dereita, Pablo Mosquera e Inmaculada Rodríguez Cuervo (Unirisco) xunto a Alejandro Ramos, Álvaro Porto e Javier Toja (InVerbis). Foto: Andrés Ruiz / CiTIUS.
De esquerda a dereita, Pablo Mosquera e Inmaculada Rodríguez Cuervo (Unirisco) xunto a Alejandro Ramos, Álvaro Porto e Javier Toja (InVerbis). Foto: Andrés Ruiz / CiTIUS.

Unirisco inviste 100.000 euros en InVerbis, empresa de base tecnolóxica da USC

A sociedade de capital risco fai unha importante aposta pola "start-up", que desenvolve unha plataforma de minería de procesos para as empresas

start-up InVerbis Analytics, empresa de base tecnolóxica xurdida da investigación realizada no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), recibirá un importante impulso para desenvolver a súa plataforma de minería de procesos, que permite identificar, medir e monitorizar o potencial de mellora dos procedementos e operacións en calquera tipo de organización. Unirisco, a primeira sociedade de capital risco universitaria creada co fin de apoiar a empresas que xorden do coñecemento xerado na universidade a través de operacións de investimento temporal e outros instrumentos financeiros, acaba de anunciar publicamente a súa participación en InVerbis Analytics, unha compañía de base tecnolóxica cunha inxección de 100.000 euros no capital da empresa.

A directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez Cuervo, afirmaba nun comunicado que “esta alianza mostra o compromiso de Unirisco co desenvolvemento do talento tecnolóxico en Galicia, co apoio aos proxectos en Intelixencia Artificial e coa continuidade dun proxecto que naceu hai máis de 20 anos, sendo a única empresa de capital risco vinculada ás Universidades”.

Así mesmo, quixo subliñar a aposta da organización co mundo da innovación e a tecnoloxía, asegurando que Unirisco continuará avanzando nesa liña. “Nós queremos reafirmar o noso compromiso con estes proxectos, que seguiremos apoiando; e por suposto, o compromiso de dar a coñecer InVerbis, para ir xerando unha visibilidade máis que necesaria”, explicou.

InVerbis: descubrir canto e onde mellorar os procesos

InVerbis contou nun primeiro momento co apoio económico do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié.

“A plataforma presenta a opción máis flexible do mercado internacional, tanto para análise de procesos como para integracións con outras aplicacións de negocio: ERP ou Business Intelligence, entre outros”. Gonzalo Martín, CEO de InVerbis, explica os fundamentos tecnolóxicos da empresa: “a minería de procesos aplica a Intelixencia Artificial para descubrir a execución real das actividades das empresas, de tal xeito que poden detectarse todas as alternativas empregadas para obter o mesmo resultado, e identificar a causa raíz que explique por que os indicadores clave de rendemento de certas actividades presentan desviacións”.

Unirisco é unha sociedade de capital risco privada, cuxo principal propósito é acelerar a transferencia de coñecemento á sociedade a través do apoio á creación de spin-offs de base científica e tecnolóxica. Dende a súa creación, ten como misión o apoio a proxectos disruptivos creados no seo das universidades e enfocados a solucionar problemas existentes no mercado. Condicións que, en palabras da máxima responsable da sociedade, acaecen sobradamente no caso desta nova aposta. “InVerbis representa unha achega valiosísima ás empresas e organizacións que contan con procesos complexos, e que poden atopar na Intelixencia Artificial unha resposta aos seus retos de transformación dixital”, conclúe Rodríguez Cuervo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome