Imaxe da edición 2020 de GaliciaTIC.
Imaxe da edición 2020 de GaliciaTIC.

O encontro GaliciaTIC analiza o impacto da pandemia no proceso de dixitalización

Aposta polo formato mixto, con actividades presenciais na Cidade de Cultura e outras que se poden seguir en liña

A pandemia foi unha revolución. Máis aínda no sector tecnolóxico, que tivo que adaptarse a unha nova realidade onde a dixitalización se converteu nun imprescindible. A estrutura económica, a organización do traballo e a relación coa clientela tamén mudaron, debido a ese contexto de aceleración tecnolóxica. Este é un dos eixos principais de GaliciaTIC, un encontro organizado pola Asociación de Empresas de Tecnología de Galicia (INEO) que comeza hoxe. Esta é xa a súa XIX edición e volve apostar, de igual maneira que se fixo no 2020, por un formato mixto: combinando as actividades presenciais na Cidade da Cultura con outras que poden seguirse en liña.

Máis polo miúdo, o GaliciaTIC está marcado por relatorios, mesas de debate, presentacións, showrooms e webinars. Todas elas actividades que abordarán os retos e desafíos inmediatos do sector tecnolóxico. Así é que o encontro arrancou hoxe na Cidade da Cultura cunha mesa inaugural que estivo moderada polo director de GaliciaTIC, Miguel Merino, e contou coa participación da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, polo director do Instituto Galego de Promoción Económica, Fernando Guldrís, polo director xeral de Edisa, Carlos Suárez, polo CEO de Imatia, Fernando Vázquez Núñez, e polo presidente da INEO, Luis A. Álvarez-Sestelo.

Da intelixencia artificial á minaría de procesos

A mañá de hoxe tamén contará cun relatorio que corre a cargo de Senén Barro, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes. Durante a súa charla abordará cal é o futuro inmediado da intelixencia artificial. A continuación celebraranse mesas temáticas sobre a extensión do 5G en Galicia, a realidade aumentada e o impacto das novas tecnoloxías no coidado dos maiores, entre outras. 

Ademais destas actividades presenciais, o GaliciaTIC inclúe webinars que poderán seguirse en directo. Un deles vaino impartir Abel Fernández Ardura, de Leyton, que falará sobre as axudas públicas para financiar proxectos de dixitalización. Dende Imatia, será Juan Carlos Núñez Suárez quen abordará as claves da minaría de procesos. Outro dos webinars que se contemplan neste XIX encontro virá da man de Alejandro Alonso Rodríguez, de Everis, que se centrará na ciberseguridade na industria 4.0.

Administración, empresa e universidade

Tamén haberá presentación de proxectos exitosos relacionados coa transformación dixital, así como diferentes showrooms. O GaliciaTIC é, por tanto, un encontro centrado na dixitalización que reúne representantes da administración, das universidades e das empresas. Así é que dende a organización do evento indican que asistirán dende a Xunta de Galicia, os Concellos de Santiago, Vigo e Xetafe, as universidades de Santiago e Vigo, así como diferentes empresas, entre as que salientan Oracle, Deloitte, Cinfo ou Orange, ademais das xa mencionadas.

Por último, dentro do GaliciaTIC tamén se presentará a Oficina Acelera pyme, que xestionará o INEO ata maio de 2023. A asociación foi seleccionada por RED.es para asesorar as empresas do sur de Galicia tanto dende a oficina virtual como a través das sedes físicas de Vigo e Ourense. Este tipo de oficinas foron postas en marcha en toda España e contan cun orzamento de 8 millóns de euros.

Para máis información sobre o programa do XIX GaliciaTIC, preme na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome