Entrega Premos Spin-Off Puntogal.
Lucia Maneiro, CEO de Psico VR, durante a entrega dos premios Spin-Off PuntoGal 2020. Foto: Anxo Iglesias

Biotecnoloxía, biometría, atención aos maiores… Estas son as candidatas aos Spin-Off PuntoGal

Alice Biometrics, Envita, PhotoILike e ProPlantae aspiran a obter o galardón á mellor Idea Emerxente

Catro empresas innovadoras en sectores moi competitivos son as candidatas a obter o galardón á mellor Idea Emerxente nos V Premios Spin-Off PuntoGal. Este apartado dos premios recoñece a aquelas compañías de recente creación que están a destacar pola posta en marcha dun proxecto especialmente innovador nos últimos tempos. A alta calidade das propostas e a diversidade das mesmas é un dos aspectos a destacar nuns galardóns que noutras edicións xa obtiveron prestixiosas start-ups como Situm, All Genetics ou Psico VR (edición 2020).

A biotecnoloxía (ProPlantae), o recoñecemento biométrico (Alice Biometrics), as novas técnicas de atención aos maiores (Envita) e aplicación da tecnoloxía á publicidade (PhotoILike) son as áreas de actuación das empresas que participan nesta edición e que presentaron candidaturas que serán avaliadas ao longo do mes de outubro polo xurado dos premios.

Alice Biometrics, unha spin-off xurdida dentro do Centro Tecnolóxico de Galicia Gradiant,  desenvolveu unha solución que permite facilitar a identificación de clientes en remoto, dun xeito sinxelo e sen fricción. A tecnoloxía de Alice permite identificar as persoas cunha fotografía realizada co móbil e comprobada coa documentación que aportan. Alice participa no proxecto europeo Impulse que aposta polo acceso ao ID electrónico para toda a cidadanía europea.

Envita é unha start-up pontevedresa que aposta por solucións innovadoras no campo da atención ás persoas maiores. Nos últimos tempos desenvolveu o proxecto Envita Stories que consiste na elaboración de historias de vida dos maiores para estimular a memoria, estreitar os vínculos afectivos e converter os seus recordos nun legado. Trátase dun novo xeito de entender os coidados aos maiores que ten como obxectivo fundamental ofrecer unha atención máis personalizada.

Pola súa banda, ProPlantae é un laboratorio biotecnolóxico que ten como obxectivo producir extractos de plantas para usalos como bioestimulantes ou biocidas. O proxecto pretende contribuír ao desenvolvemento sostible mediante a aplicación de produtos alternativos aos químicos. O laboratorio atópase no polígono empresarial Porto do Molle na incubadora tecnolóxica CT-Bio.

Por último, PhotoILike é un proxecto empresarial nacido este mesmo ano pero que leva moito tempo de investigación detrás. A compañía emprega tecnoloxía desenvolvida na Universidade de A Coruña para predicir o valor estético e o impacto comercial dunha imaxe. Empresas como Abanca ou Aliseda xa están a usar os produtos postos en marcha pola empresa coruñesa.

Un xurado de prestixio

O xurado dos Premios Spin-Off PuntoGal, integrado por investigadores de prestixio e por representantes do mundo universitario, institucional e empresarial, avaliará as catro candidaturas ao longo das próximas semanas e emitirá o seu veredicto antes do 30 de outubro.

Entre os méritos a analizar están as patentes rexistradas polas empresas, a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+I ou as posibilidades de internacionalización das ideas  presentadas. Ademais, será un factor positivo contar con equipos onde a presenza da muller sexa relevante, tanto en número coma en xerarquía.

O obxectivo destes galardóns, organizados por Dominio PuntoGal e GCiencia, é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes premios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome