De esquerda a dereita: Alba Boedo, Ana María García, Andrea Castro, Lucía Blanco e Julia Cacheda, alumnas do terceiro curso do Grao en Xestión Industrial da Moda, creadoras do wearable Sístole.
De esquerda a dereita: Alba Boedo, Ana María García, Andrea Castro, Lucía Blanco e Julia Cacheda, alumnas do terceiro curso do Grao en Xestión Industrial da Moda, creadoras do wearable Sístole.

Roupa para embarazadas que permite escoitar os latexos do bebé

Sístole é un premiado proxecto creado por estudantes do Grao en Xestión Industrial da Moda da Universidade da Coruña

Sístole, un dispositivo tecnolóxico incorporado á roupa que lles permite ás mulleres embarazadas escoitar os latexos do seu bebé, e Insectos Galicia, unha empresa dedicada á cría e produción de insectos e produtos derivados para o consumo animal, son os dous proxectos gañadores da XI edición do Programa Explorer by Santander X nos UDC Space de Ferrol e da Coruña respectivamente.

Lucía Blanco, Alba Boedo, Ana María García, Julia Cacheda e Andrea Castro, alumnas do terceiro curso do Grao en Xestión Industrial da Moda que se imparte no Campus de Ferrol, son as creadoras de Sístole, un leggin tecnolóxico, exemplo de aplicación de Internet das Cousas (IoT nas súas siglas en inglés). Detrás da empresa galardoada no Campus da Coruña está o arquitecto Antonio Arias. En breve, os integrantes dos dous proxectos gañadores poderán elixir entre a opción de recibir formación especializada en liña nos próximos meses ou viaxar a O Porto en 2022 e participar nun HUB de innovación europeo.

No que atinxe ao UDC Space Ferrol, o segundo premio foi para o proxecto DESINO, especializado na creación de lencería para mulleres que están a pasar ou pasaron xa por un cancro de mama. Detrás da firma están tres alumnas do Grao en Xestión Industrial da Moda, Sara Olmo, Inés Varela e Laura Merelas. O terceiro premio recaeu tamén noutra alumna da titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, Fátima Outes, quen presentou OnDemand, un proxecto baseado na moda sustentable feita en España e baixo demanda.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolleu este martes, 11 de maio, a xornada de presentación dos 10 proxectos finalistas e o acto de entrega de premios que presidiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla. O tribunal estivo integrado polo representante do Banco Santander, Santiago Javier García-Ciaño, o profesor da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Antonio García Lorenzo, o representante da Asociación de Séniors Españoles para a Cooperación Técnica (SECOT), Javier Palacio Álvarez, e o presidente da Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF), Ángel Torreiro Freire.

Pola súa banda, no UDC Space Coruña, o segundo premio recaeu en Ferias FEDI impulsado por Jacobo Fiaño, Jesse Lago e Pablo Boullosa. Así, o terceiro galardón foi para MaunaMoana, un proxecto lúdico-educativo que oferta obradoiros e actividades en plena natureza para nenos e nenas de entre tres e 10 anos. Detrás desta proposta están Paula Sánchez e Inés Sánchez.

A Facultade de Informática do Campus da Coruña acolleu, o pasado luns 10 de maio, a presentación dos 10 proxectos finalistas e a entrega de premios que presidiu a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía. Nesta ocasión, o tribunal estivo integrado pola directora da Oficina do Banco Santander no Campus de Elviña, Corina Liñares Rodríguez, o profesor emérito da Facultade de Economía e Empresa, José Andrés Faíña Medín, a representante da Asociación de Séniors Españoles para a Cooperación Técnica (SECOT), Ana Botas Cal, e o economista da Fundación Ronsel, Rafael Vázquez Cobas.

A maiores, tanto no UDC Space de Ferrol coma no de Coruña, os propios participantes do Programa Explorer by Santander X elixiron o mellor vídeo promocional. Neste caso, o premio no Campus de Ferrol recaeu en SlowApp, unha aplicación deseñada por Juan Montenegro, Diana de Marco, Elena Blanco, Laura Sánchez e Paula Brea, alumnos do grao en Xestión Industrial da Moda. Pola súa banda, no Campus de Coruña, o premio ao mellor vídeo foi para Feiras FEDI de Jacobo Fiaño, Jesse Lago e Pablo Boullosa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome