O grupo VARPA, da UdC, foi o gañador na última edición dos premios na categoría de Grupos de Investigación. Foto: Grupo VARPA

Oito grupos de investigación e catro start-ups compiten polos Spin-Off PuntoGal

O xurado deliberará duranteo outubro para elixir gañadores nas tres categorías dos galardóns

A V edición dos Premios Spin-Off PuntoGal pechou esta semana o prazo de recepción de candidaturas cunha importante resposta por parte de grupos de investigación e empresas que poden aspirar a estes galardóns. Un total de oito grupos e catro start-ups foron seleccionados para competir nesta edición. A eles sumaranse as candidaturas de empresas designadas polo xurado para a categoría Selo de Calidade, que distingue as compañías cunha traxectoria especialmente destacada no campo da innovación empresarial.

Na categoría de Grupos de Investigación o xurado terá que avaliar un total de oito candidaturas, procedentes de campos de actividade moi diversos. No apartado do sector sanitario están os grupos GENVIP e de Nano-Oncoloxía do IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago), pero ademais participan grupos especializados no análise de datos (MODESTYA e Laboratorio de Bases de Datos), na investigación en medios de comunicación (Novos Medios), nas tecnoloxías de telecomunicación (grupo GTM e grupo COM da UVigo) ou na investigación de materiais (Instituto da Cerámica de Galicia).

Un total de catro empresas competirán na categoría de Idea Emerxente, na que se distingue as start-ups que desenvolverán nun período recente un proxecto innovador de especial interese. As candidatas ao premio nesta edición son Envita (dedicada á atención personalizada aos maiores), Proplantae (compañía biotecnolóxica orientada ao desenvolvemento sostible), PhotoIlike (emprego de tecnoloxía propia para analizar o impacto das imaxes) e Alice Biometrics (especializada na verificación da identidade das persoas en remoto).

Galicia Spin-Off
Autoridades e premiados na IV edición dos Premios Spin-Off PuntoGal. Foto: Anxo Iglesias.

Na categoría Selo de Calidade serán os propios membros do xurado os que presentarán candidaturas que serán avaliadas nas xuntanzas que celebrarán para decidir os gañadores nos distintos apartados dos premios. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase antes de final de ano.

En anteriores edicións recibiron estes galardóns empresas consolidadas e de longa traxectoria como Imatia ou GalChimia, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao mundo empresarial galego como Situm ou AllGenetics. Na edición de 2020 os gañadores foron o Grupo VARPA (Grupos de Investigación), Psico VR (Idea Emerxente) e Orballo (Selo de Calidade).

O xurado dos Premios Spin-Off PuntoGal está integrado por investigadores de prestixio e por representantes do mundo universitario, institucional e empresarial. A bióloga e divulgadora científica Andrea Muras incorporouse ao xurado nesta edición e tamén forman parte do mesmo as investigadoras Edita de Lorenzo e Sonia Martínez Arca, a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín, e o xefe de servizo de Planificación e Estruturación da Investigación na Xunta de Galicia, Faustino Infante Roura.

Colaboración PuntoGal e GCiencia

PuntoGal, con preto de 6.000 dominios rexistrados, asóciase con GCiencia como co-organizador e patrocinador principal destes galardóns, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país.

GCiencia é un xornal dixital dedicado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de 100.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España, e o Premio da Crítica de Galicia 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome