Imaxe dos gañadores.
Gañadores da última edición dos Premios Spin-Off PuntoGal celebrada en 2022. Foto: Anxo Iglesias

Os Premios Spin-Off PuntoGal amplían o prazo de presentación de candidaturas ata o 31 de xullo

A organización dos VII Premios Spin-Off PuntoGal decidiu ampliar o prazo de presentación de candidaturas para estes galardóns que distinguen as empresas e grupos de investigación máis innovadores. O novo límite para presentar as propostas fíxase  enas 23:59 horas do luns 31 de xullo.

As empresas e grupos de investigación interesados en participar nas categorías Idea Emerxente e Grupos de Investigación poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoff@dominio.gal, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/so23

A evolución das distintas fases do premio irase detallando no microsite talentodegalicia.gal, portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. O microsite recolle todas as novas que xurdan en relación con estes premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nesta ligazón https://i.gal/bso23 e na páxina web de PuntoGal.

Como vén ocorrendo nos últimos anos, nesta nova edición os premios recoñecerán a labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación galegos nas tres categorías dos galardóns. Entre os obxectivos deste certame figuran premiar a transferencia de coñecemento entre a universidade pública e a empresa e alentar o emprendemento dos grupos de investigación. Igualmente, a organización busca salientar iniciativas nas que prime a igualdade de xénero así como o uso do idioma galego. Os premios contan coa colaboración da Secretaria Xeral de Universidades e de Gadis. No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas coma Imatia, Galchimia, Innolact, Mestrelab ou Casa Grande de Xanceda que foi a gañadora en 2022.As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora neste apartado foi a empresa Indestia, spin-off da UDC, e noutros anos recibiron o galardón compañías como Situm, All Genetics, Psico VR e Alice Biometrics.

Criterios de concesión dos galardóns

Entre os factores que se terán en conta para a concesión dos premios en ámbalas dúas categorías atópanse a experiencia de mercado, vinculación ao ámbito universitario, volume de negocio, internacionalización, política de comunicación e mercadotecnia, relevancia do sector, empregabilidade, Responsabilidade Social Corporativa, contribución á creación dunha nova economía, relación coa investigación universitaria, perspectivas de crecemento e todos os aspectos que permitan acreditar a valía das spin-off gañadoras.Os premios Spin-Off Punto Gal tamén recoñecen o traballo dos grupos de investigación dependentes dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste galardón, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo SING, vinculado á UVigo.Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome