O equipo de Orballo combina distintos perfís profesionais e aposta pola innovación
O equipo de Orballo combina distintos perfís profesionais e aposta pola innovación

Orballo, innovación con respecto pola agricultura tradicional

A empresa das Mariñas coruñesas é a gañadora do Selo de Calidade nos IV Premios Spin-Off PuntoGal

O amor pola natureza, a comida sa e os valores que acompañan á vida no rural galego están na base do proxecto de Orballo, unha empresa que a pesar de non ter unha traxectoria moi longa xa representa un exemplo de que é posible innovar no sector agroalimentario e ao mesmo tempo respectar e promover a cultura tradicional. A empresa asentada na comarca das Mariñas coruñesas é a gañadora no apartado Selo de Calidade dos IV Premios Spin-Off PuntoGal.

As infusións son un dos produtos de Orballo

O proxecto comeza no ano 2012 coa idea do sociólogo Gerardo Lagares e  do economista Jorge Millán de recuperar os bosques galegos con especies autóctonas cultivadas en ecolóxico. O obxectivo non era so mellorar a biodiversidade senón tamén xerar produtos de maior valor e axudar ao desenvolvemento do rural. Nos anos sucesivos o proxecto foi medrando e incorporáronse a el máis persoas apaixonadas pola natureza e comprometidas coa idea de que no rural hai futuro.

Máis alá dos resultados económicos que foron chegando aos poucos, a clave para o desenvolvemento de Orballo é que dende un primeiro momento estiveron claros os principios de apostar pola produción local, cen por cen ecolóxica, cun estrito control de calidade,  apoiada na innovación e con valores como o respecto polo conciliación e a igualdade.

Segundo explica Oscar Torres, responsable de Comunicación de Orballo, o que caracteriza aos productos da empresa é que contan cunha personalidade propia e se diferencian dos convencionais. Trátase de aproveitar todo o coñecemento que existen sobre os cultivos propios para ofrecer unhas características organolépticas únicas, sen empregar ningún químico ou aroma.

Entre as distintas liñas de produtos coas que conta Orballo destacan especialmente as aromáticas e as especias. Ademais a empresa está a desenvolver dende hai tempo o cultivo de té ecolóxico galego, un produto moi innovador xa que se trata da única plantación ecolóxica certificada que está a funcionar en toda Europa e conta nestes momentos con preto de cinco hectáreas cultivadas. “Moita xente que xa coñece os nosos produtos está agardando cada ano a saída ao mercado do té galego”, indica Torres.

A pesares do impacto da pandemia, a cifra de vendas de Orballo creceu neste 2020 e superará os 350.000 euros. Torres apunta que estas cantidades non van facer esquecer que hai moito camiño por diante e moito potencial de crecemento en aspectos coma a produción, o envasado, o desenvolvemento da marca, etc. “Estamos moi entusiasmados coas oportunidades que temos por diante”, sinala.

A crise orixinada polo Covid-19 levou a Orballo a apostar por orientar á empresa máis cara ao mercado online, aínda que o pequeno comercio segue a ser o gran aliado da compañía para expandir o seu mercado. “E difícil prever a evolución nos próximos meses”, apunta Torres, “pero imos facer todo o posible para seguir estando moi preto das persoas que gozan dos nosos produtos”.

A filosofía de Orballo aposta pola combinación das novas liñas de investigación coa recompilación dos usos tradicionais do sector agrícola galego

No que se refire á aposta pola innovación, Orballo combina a aposta por novas liñas de investigación para obter novos cultivos coa recompilación de estudos e da sabedoría de antes para recuperar o mellor da agricultura tradicional galega. “Queda moito percorrido xa que nin en Galicia nin no resto de Europa hai moitos proxectos semellantes ao noso”, conclúe Torres.

A colaboración coa universidade tamén é un dos factores polos que se aposta en Orballo e actualmente están a desenvolver un proxecto xunto á Uvigo que agardan poder presentar o ano próximo. A internacionalización comezou hai dous anos coa venda de productos en México e en 2021 se apostará por reforzar a presenza nese país pero se estuda tamén a posibilidade de expandirse a outros países europeos. “En todo caso temos tanto potencial de crecemento no mercado nacional que preferimos dedicar recursos a consolidar os mercados actuais antes de lanzarnos a  unha nova aventura”, explica o responsable de Comunicación de Orballo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome