O grupo da UdC Laboratorio de Bases de Datos (LBD) recibirá un dos galardóns dos Spin-Off PuntoGal. Foto: Cortesía LBD

O Paraninfo da UDC acolle a entrega dos V Premios Spin-Off PuntoGal

As empresas Mestrelab e Alice Biometrics e o grupo de investigación Laboratorio de Bases de datos recibirán os seus galardóns o día 16

O Paraninfo da Universidade da Coruña (UDC) será o escenario o vindeiro martes, 16 de novembro, do acto de entrega dos Premios Spin-Off PuntoGal que este ano acadan a súa quinta edición. Autoridades institucionais e representantes do mundo empresarial e da universidade teñen anunciada a súa asistencia a un acto que servirá para distinguir aos proxectos máis innovadores do panorama empresarial e universitario galego.

A spin-off da USC Mestrelab Research (Selo de Calidade), a start-up viguesa Alice Biometrics (Idea Emerxente) e o grupo Laboratorio de Bases de Datos (Grupos de Investigación) recollerán os seus galardóns no transcurso dun evento que contará con breves intervencións das distintas autoridades invitadas. Os premiados recibirán diplomas acreditativos, unha peza escultórica de deseño exclusivo e subscricións ao dominio PuntoGal.

O elevado nivel das propostas presentadas foi un dos factores destacados polo xurado nesta nova edición dos premios que organizan o dominio PuntoGal e GCiencia e que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.

Entre os obxectivos desta iniciativa figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Estes factores foron tidos en conta polo xurado que tamén avaliou aspectos como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, foi elixida como gañadora a empresa de Vigo Alice Biometrics, que desenvolveu unha solución á necesidade de poñer en marcha sistemas de identificación biométrica remotos. O proxecto de Alice Biometrics creouse dentro do centro de investigación Gradiant, no que participan as tres universidades galegas.

No apartado de Grupos de Investigación, o xurado acordou elixir como gañador ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD), grupo adscrito á Universidade de A Coruña. Destácase especialmente a traxectoria dun grupo que ven traballando dende o ano 1996 no ámbito das tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información para a xestión de empresas e entidades, con fitos como a creación da Biblioteca Virtual Galega.

Por último, no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio nos últimos anos, premíase á spin-off da Universidade de Santiago Mestrelab Research. Trátase dunha compañía nacida en 2004 que converteuse nun dos líderes mundiais no software especializado polos investigadores do sector biotech.

XURADO E EDICIÓNS ANTERIORES

Os integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades,  Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín.

En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Imatia ou Innolact, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics. En 2020 os gañadores foron o grupo VARPA (Grupos de Investigación), Psico VR (Idea Emerxente) e Orballo (Selo de Calidade).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome