Integrantes do grupo LBD no acto de entrega dos Premios Spin-Off PuntoGal. Foto: Anxo Iglesias
Integrantes do grupo LBD no acto de entrega dos Premios Spin-Off PuntoGal. Foto: Anxo Iglesias

Laboratorio de Bases de Datos, 25 anos de innovación na informática aplicada

O grupo de investigación da UdC foi galardoado na última edición dos Premios Spin-Off PuntoGal

A traxectoria do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD), adscrito á Universidade da Coruña, é un exemplo de como dende Galicia pode levarse a cabo unha labor investigadora constante e que ofreza dende o inicio resultados concretos nun apartado tan especializado como as tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información. A procura permanente da excelencia e a consolidación dun camiño emprendido hai 25 anos foron algunhas das razón que levaron ao xurado dos Premios Spin-Off PuntoGal a concederlle o premio na categoría de grupos de investigación neste ano 2021.

A investigadora Nieves Rodríguez Brisaboa, actual directora e creadora do grupo, lembra que a orixe do mesmo estivo na organización no ano 1996 das primeiras Xornadas Españolas de Investigación en Docencia en Bases de Datos (posteriormente convertéronse nas Xornadas de Enxeñería do Software e Bases de Datos) que o próximo ano celebrarán a súa edición XXVI.

“A Facultade de Informática da UDC acababa de crearse e case non había investigación neste área, o pouco que había facíase nas facultades de Matemáticas e Físicas de Santiago. Eu e os entón bolseiros Miguel Rodríguez Penabad e Xosé Ramón Paramá comezamos con esta aventura”, sinala Brisaboa.

Dende moi cedo o grupo LBD comezou a traballar no terro das bibliotecas virtuais e nos sistemas de información xeográfica. Estas investigación acabaron por culminar anos despois en dous dos fitos iniciais do grupo, a creación da Biblioteca Virtual Galega (financiada pola Real Academia Galega) e do Sistema de Información Xeográfica realizado para a Deputación da Coruña. Posteriormente, abríronse outras liñas de investigación como as relacionadas co procesamento de textos e a creación de algoritmos para o análise de textos e datos.

Un das cousas que caracteriza ao traballo do grupo é a actualización permanente e de aí que nestes últimos anos traballen en terreos como a representación de obxectos móbiles (viaxeiros, coches, barcos, avións) e o referente á evolución das bibliotecas dixitais cara a sistemas complexos de información en web.

“O futuro da investigación na Informática está cheo de retos que nin sequera somos capaces de ver a onde nos van levar. Case todo ten que ver co análise de datos, por exemplo todo o que se refire aos coches autónomos ou a loxística”, apunta Brisaboa quen foi galardoada co Premio Nacional de Informática no ano 2019 polo seu traballo.

Dende a súa creación, a actividade de investigación e transferencia desenvolvida polo grupo foi moi intensa con máis de JCR (Journal Citations Reports), 155 publicacións en foros internacionais indexadas, miles de citas e máis de dez millóns de euros de financiamento acadados. No ano 2003 dende o grupo creouse a spin-off Enxeño que dende hai tres anos xa funciona de xeito independente, dado o volume de traballo acadado. Actualmente no LBD traballan 15 profesores o 12 persoas máis entre colaboradores e bolseiros. A presenza das mulleres elévase ata o 30 por cento.

Brisaboa reclama máis presenza das mulleres nos estudos informáticos e advirte das dificultades para incorporar investigadores neste área pola alta demanda laboral do sector

Entre os problemas que terá que afrontar o grupo nos próximos anos está a falta de investigadores neste área, xa que a elevada demanda no sector leva ás empresas privadas mesmo a contratar aos estudantes cando aínda non terminaron a carreira. Brisaboa apunta que este é un tema preocupante e especialmente reclama máis presenza das mulleres nos estudos informáticos xa que “reúnen cualidades moi axeitadas para este tipo de tarefas como a capacidade para traballar en equipo e a minuciosidade”.

LBD e, sen dúbida, un dos grupos que contribuíu dun xeito importante ao desenvolvemento da Informática en España e dende a súa creación nunca deixou de lado a aposta pola excelencia na investigación. Entre os recoñecementos recibidos figura a consideración de Grupo de Referencia Competitiva por parte da Xunta dende o ano 2006.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome