Indestia conseguiu en pouco tempo importantes clientes coa sua ferramenta PhotoIlike. Foto: Cortesía Indestia

Indestia, intelixencia artificial que triunfa no mercado inmobiliario

A spin-off da Universidade da Coruña gaña a VI edición dos Spin-Off PuntoGal na categoría de Idea Emerxente coa ferramenta PhotoIlike

Aplicar a intelixencia artificial para conseguir crear anuncios mais atractivos é o núcleo do negocio de Indestia S.L., unha empresa spin-off que naceu no seo do Citic (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións) da Universidade da Coruña (UDC) e que con pouco máis dun ano de vida xa conta co apoio de clientes moi importantes do sector inmobiliario. A súa aposta exitosa por unha idea innovadora levoulle a obter o galardón na categoría de Idea Emerxente dos VI Premios Spin-Off PuntoGal, que convoca GCiencia.

Juan Romero, socio fundador e responsable de investigación da empresa, explica que o proxecto xorde do grupo de investigación Rnasa Imedir do Citic, dedicado ao estudo de distintas posibilidades de aplicación da intelixencia artificial. “Levabamos 20 anos traballando na aplicación da intelixencia artificial nas artes e xa tiñamos un nivel elevado neste campo a nivel mundial. Por iso dimos o paso á creación da spin-off”. A traxectoria de Indestia é o claro exemplo de como a investigación realizada na universidade pode acabar tendo viabilidade no mundo empresarial.

A ferramenta PhotoIlike detecta os gustos dos clientes para ordenar o conxunto de fotografías dun produto

O funcionamento da ferramenta PhotoIlike é aparentemente moi sinxelo. Trátase de adiviñar os gustos maioritarios dos clientes e ser capaces de ordenar un conxunto de fotografías dun inmoble (ou outro produto) que se pretende vender. A intelixencia artificial permitiu crear unha ferramenta que facilita un incremento importante das visitas aos anuncios inmobiliarios, xa que as fotos mais atractivas para os clientes pasan a ocupar automaticamente as primeiras posicións.

As empresas máis potentes do sector inmobiliario español están a desenvolver probas de funcionamento dunha ferramenta que permite incrementar as vendas e, ademais, supón un importante aforro de tempo, e polo tanto de cartos, á hora de elaborar os anuncios que se presentan nos portais inmobiliarios. PhotoIlike xa espertou interese noutros países como Italia, México e Colombia cos que xa se están comezando a traballar tamén.

As posibilidades de aplicación da intelixencia artificial ás fotografías pode estenderse con éxito a outros sectores e Romero apunta que a automoción e os produtos de segunda man son outros dos sectores nos que PhotoIlike poderá aplicarse proximamente. Ademais, traballan na posibilidade de aplicar o modelo ao e-commerce, o que permitiría aos clientes que cando fagan unha procura nunha tenda en liña o que vaian ver se corresponda cos seus gustos e non só cos da maioría dos clientes.

Obxectivo, a internacionalización

O responsable de investigación de Indestia asegura que a axuda inicial do programa Ignicia foi fundamental para o desenvolvemento da empresa e tamén obtiveron apoios do Igape. “O feito de seren unha empresa tecnolóxica axúdanos para o acceso ao financiamento e tivemos tamén una axuda estatal a través de Enisa”, indica Romero.

Cara ao futuro Indestia aspira a consolidarse nun sector que ten moitas posibilidades de crecemento, afondar no proceso de internacionalización e seguir investigando para mellorar o software que empregan, de xeito que os clientes poidan contar cunha “suite” completa que lles permita cubrir todas as súas necesidades. A internacionalización é outro dos obxectivos, coa idea de que o Reino Unido poida ser porta de entrada tamén ao mercado estadounidense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome