Equipo directivo de Indestia, candidatura gañadora na categoría Idea Emerxente. Foto: Cortesía Indestia

Indestia, Casa Grande de Xanceda e o Grupo SING da UVigo, gañadores da VI edición dos Spin-Off PuntoGal

A empresa Diversa resultou finalista duns galardóns que recoñecen a aposta pola innovación de compañías e grupos de investigación galegos  

A spin-off da Universidade da Coruña (UDC) Indestia (Idea Emerxente), a compañía Casa Grande de Xanceda (Selo de Calidade) e o grupo SING da UVigo (Grupos de Investigación) resultaron elixidos gañadores polo xurado da VI edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que se reuniu a semana pasada en Santiago de Compostela.  

O elevado nivel das máis de 15 candidaturas que se presentaron a estes galardóns fixo complicada a tarefa do xurado nunha nova edición dun certame que organizan o dominio PuntoGal e GCiencia e que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.  

O xurado acordou por unanimidade a concesión de cada un dos premios aínda que houbo un longo debate en cada categoría. Entre os obxectivos do certame figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios, así como premiar o uso de galego na empresa e a presenza das mulleres nas empresas e grupos de investigación.  

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de recente creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora en tempos recentes, foi elixida como gañadora a spin-off da UDC Indestia. O xurado destacou a posta en marcha dunha idea orixinal dentro do sector das TIC e conseguir clientes importantes para o seu producto PhotoIlike, unha ferramenta baseada na Inteligencia Artificial que permite seleccionar as fotos que van ter maior impacto entre o público, con aplicación polo de agora ao sector inmobiliario. 

Ademais, o xurado decidiu conceder a distinción de finalista nesta categoría a Diversa, unha empresa recentemente posta en marcha por investigadores do IDIS de Santiago e que aposta pola comercialización de nanomedicamentos, cunha forte compoñente de I+D na súa base. O xurado destacou especialmente o seu potencial de desenvolvemento nos próximos anos.  

Na categoría de Selo de Calidade o xurado elixiu como gañadora a candidatura de Casa Grande de Xanceda pola súa traxectoria de case medio século no rural galego e o seu compromiso co medio ambiente, o coidado dos animais e diversas causas sociais, entre elas o seu traballo para dar visibilidade ao papel da muller no rural. Ademais destacouse a calidade dos seus produtos que contan cun selo ecolóxico e que poden atoparse en moitos puntos de España. 

Grupos de investigación

Finalmente, na categoría de Grupos de Investigación resultou gañadora a candidatura do grupo SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeración), adscrito á UVigo e que desenvolve a súa actividade no campus de Ourense. O xurado destacou como méritos da súa proposta a sólida traxectoria no campo da investigación biomédica e a ciberseguridade, con proxectos destacados mesmo no ámbito estatal. Ademais, tívose en conta a importante presenza de mulleres entre o seu corpo de investigadores.  

Os integrantes do xurado son as investigadoras María Xosé Malmierca, Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín. O acto de entrega dos premios terá lugar en Vigo nas próximas semanas e contará coa presenza de destacados representantes institucionais, académicos e empresariais.  

En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Innolact ou Mestrelab xunto a outras que achegaron innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics. Tamén resultaron premiados grupos de investigación como VARPA ou Laboratorio de Bases de Datos.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome