Gañadores e autoridades asistentes ao acto de entrega dos galardóns en 2022. Foto: Anxo Iglesias
Gañadores e autoridades asistentes ao acto de entrega dos galardóns en 2022. Foto: Anxo Iglesias

GCiencia convoca a sétima edición dos premios Galicia Spin-Off PuntoGal

Os galardóns recoñecerán un ano máis as empresas e grupos de investigación máis innovadores

GCiencia vén de convocar a sétima edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as iniciativas máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. As empresas e grupos de investigación interesados en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 15 de xullo. A asociación Puntogal coorganiza e patrocina os galardóns, nos que colaboran a Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis.

Como vén ocorrendo nos últimos anos, nesta nova edición os premios recoñecerán o labor desenvolvido polas empresas e os grupos de investigación galegos nas tres categorías dos galardóns. Entre os obxectivos deste certame figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios.

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o próximo 15 de xullo

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas como ImatiaGalchimia, Innolact, Mestrelab ou Casa Grande de Xanceda, que foi a gañadora en 2022.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora foi a empresa Indestia, spin-off da UdC, e noutros anos recibiron o galardón compañías como Situm, All Genetics, Psico VR e Alice Biometrics.

Entre os factores que se terán en conta para a concesión dos premios en ambas categorías atópanse a experiencia de mercado, vinculación ao ámbito universitario, volume de negocio, internacionalización, política de comunicación e mercadotecnia, relevancia do sector, empregabilidade, Responsabilidade Social Corporativa, contribución á creación dunha nova economía, relación coa investigación universitaria, perspectivas de crecemento e todos os aspectos que permitan acreditar a valía das spin-off gañadoras.

Os premios Spin-Off Punto Gal tamén recoñecen o traballo dos grupos de investigación dependentes dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste galardón, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo SING, vinculado á UVigo.

Presentación de candidaturas

As empresas e grupos de investigación interesados en participar nestas dúas últimas  categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoff@dominio.gal, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/so23.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.

O xurado

O xurado estará integrado por personalidades vinculadas á investigación de recoñecido prestixio. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase antes do final do ano.

A evolución das distintas fases do Premio irase detallando no microsite talentodeGalicia.gal, portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. O microsite recolle todas as novas que xorden en relación con estes Premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nesta ligazón https://i.gal/bso23 e na páxina web de PuntoGal.

Dominio PuntoGal e GCiencia

PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, asóciase con GCiencia como coorganizador e patrocinador principal destes galardóns. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 6.900 dominios .gal rexistrados. A súa web é www.dominio.gal.

GCiencia, que este 2023 cumplirá o seu décimo aniversario, é un xornal dixital enfocado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de máis de 120.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España, e o Premio da Crítica de Galicia 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome