O grupo da UdC Laboratorio de Bases de Datos (LBD) foi o gañador na categoría Grupos de Investigación en 2021 Foto: Cortesía LBD

Empresas e investigadores en biomedicina, intelixencia artificial e diagnóstico sanitario participan nos Spin-Off PuntoGal

Os premios entran na súa última fase coa elección das candidaturas gañadoras 

As candidaturas presentadas por empresas e grupos de investigación para a VI edición del Premios Spin-Off PuntoGal distínguense pola variedade de sectores entre os que se atopan a biotecnoloxía, a intelixencia artificial e as novas técnicas para avanzar no diagnóstico de enfermidades. Un total de sete empresas e tres grupos de investigación, todos eles conectados coas universidades galegas, aspiran a obter os galardóns nas categorías de Idea Emerxente e Grupos de Investigación. Ademais, o xurado escollerá entre as súas propias propostas unha empresa gañadora na categoría de Selo de Calidade. 

Os premios entran agora na súa última fase coa próxima xuntanza do xurado para elixir os gañadores. A finais deste mes de outubro daranse a coñecer os mesmos e antes de fin de ano terá lugar a entrega dos galardóns, nun acto que contará cunha importante presenza institucional. Os premios son organizados conxuntamente polo dominio PuntoGal e GCiencia co apoio da Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e de Gadis.  

Na categoría de Grupos de Investigación hai tres candidaturas. O Grupo de Sistemas Intelixentes da USC foi fundado en 1990 e e o núcleo de investigación na área de Intelixencia Artificial (IA) do Citius da Universidade de Santiago. Entre os seus méritos atópase a creación de tres spin-offs nos últimos anos. 

Pola súa banda, o Grupo SING da UVigo aposta pola aplicación de técnicas da intelixencia artificial, da minería de textos e das TIC para a resolución de problemas no ámbito da Saúde e da Seguridade Informática. A terceira candidatura é a do Grupo GIST, tamén da UVigo, que conta cunha dilatada experiencia no campo dos servizos electrónicos para a educación, a saúde e o comercio.  

Na categoría de Idea Emerxente haberá sete candidaturas de empresas pertencentes a sectores moi diversos. Hydrosphere é una spin-off da UVigo que aposta pola educación ambiental como ferramenta de concienciación social ante as ameazas contra o medio ambiente. Outras das candidatas é Pro Plantae, un laboratorio biotecnolóxicos que elabora diagnósticos fitopatolóxicos a partir de mostras vexetais.  

Diversa, spin-off da USC, promove a transferencia clínica de novas moléculas terapéuticas e comercializa unha tecnoloxía altamente innovadora. Pola súa banda, a spin-off do Idis Lincbiotech desenvolve ferramentas diagnósticas para axudar os médicos a decidir sobre o tratamento aos pacientes con enfermidades neurolóxicas de alta prevalencia.  

Intelixencia artificial

No campo da Intelixencia Artificial hai dúas empresas candidatas. Indestia desenvolveu e comercializou unha ferramenta que identifica as imaxes con máis valor comercial e estético mentres que a start-up lucense Nigal aposta polo uso da intelixencia artificial para comercializar solucións personalizadas para problemas da industria agroalimentaria. Finalmente, ODS-Protein dedícase á produción de proteínas para a industria alimentaria, a partir de fungos e outros materiais.  

A calidade das propostas achegadas farán que o xurado teña que afrontar unha dura tarefa para elixir as candidaturas gañadoras. Nesta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal o xurado conta coa presenza de investigadoras e responsables de compañías vinculadas coa ciencia. As integrantes do xurado son as María Xosé Rodríguez Malmierca Edita de Lorenzo; as CEO das empresas Galchimia, Carme Pampín, e Celtarys, Sonia Martínez Arca; a divulgadora científica Andrea Muras e o xefe de servizo de Planificación e Estruturación da Investigación da Xunta, Faustino Infante.   

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome