Foto de familia de premiados, autoridades e membros do xurado na V edición dos Premios Spin-Off PuntoGal. Foto: Anxo Iglesias

Convocada a VI edición dos Premios Spin-Off PuntoGal para empresas e grupos de investigación innovadores

O prazo para a presentación de candidaturas aos galardóns estará aberto ata o 15 de setembro

O Dominio PuntoGal e o portal GCiencia veñen de convocar a sexta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as iniciativas mais innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. As empresas e grupos de investigación interesados en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 15 de setembro. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.

Como vén ocorrendo nos últimos anos, nesta nova edición os premios recoñecerán o labor desenvolvido polas empresas e os grupos de investigación galegos en tres apartados diferentes. Entre os obxectivos destes galardóns figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios.

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas coma ImatiaGalchimia, Innolact ou Mestrelab que foi a gañadora en 2021.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora neste apartado foi a empresa de recoñecemento biométrico Alice Biometrics e noutras edicións obtiveron o galardón compañías como Situm, All Genetics e Psico VR.

Por terceira vez os galardóns contarán cunha categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo Laboratorio de Bases de Datos, vinculado á Universidade da Coruña.

Candidaturas

As empresas e grupos de investigación interesados en participar nestas dúas últimas  categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoff@dominio.gal, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/so22.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.

O xurado

O xurado estará integrado por investigadoras de prestixio como Maria José Rodríguez Malmierca, Sonia Martínez Arca e Edita de Lorenzo, a divulgadora científica Andrea Muras, así como pola CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín, e por Faustino Infante, representante da Secretaría Xeral de Universidades. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase antes do final do ano.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no microsite talentodeGalicia.gal, un portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. O microsite recolle todas as novas que xurdan en relación con estes Premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nesta ligazón (https://i.gal/bso22) e na páxina web de PuntoGal.

Dominio PuntoGal

PuntoGal, con preto de 6.500 dominios rexistrados, asóciase con GCiencia como co-organizador e patrocinador principal destes galardóns, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país.

GCiencia é un xornal dixital envorcado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de máis de 100.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España, e o Premio da Crítica de Galicia 2020.


Consulta aquí as bases.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome