Traballadoras de Casa Grande de Xanceda nunha acción reivindicativa do 8-M. Cortesía: Casa Grande Xanceda

Casa Grande de Xanceda, medio século de ecoloxismo e aposta polo rural  

A granxa situada en Mesía resultou gañadora da VI edición dos Premios Spin-off PuntoGal no apartado Selo de Calidade 

A marca Casa Grande de Xanceda converteuse nos últimos anos nun sinónimo de calidade polos seus produtos ecolóxicos feitos en Galicia cun proceso que combina innovación e traballo artesanal. Pero detrás desta marca hai un traballo de máis de medio século na granxa de Mesía que no ano 1969 comezou a funcionar como explotación láctea e que hai 20 anos emprendeu un proxecto de transformación que a converteu nun exemplo de gandería ecolóxica que consegue pechar o ciclo da produción para xerar valor engadido.

O seu compromiso coas causas sociais, a aposta polo coidado do medio ambiente e dos animais e o traballo a prol do papel da muller no rural foron algunhas das razóns polas que o xurado dos Premios Spin-Off PuntoGal decidiu concederlles o galardón de Selo de Calidade na edición de 2022. En anos anteriores este premio foi obtido por outras empresas de prestixio como Mestrelab, Galchimia ou Imatia.  

Cristina Fernández-Armesto, socia da empresa e neta dos seus fundadores, explica que a idea inicial de crear unha granxa con vacas criadas con respecto ao medio ambiente evolucionou hai anos ata converter a Casa Grande de Xanceda nun proxecto ecolóxico que pecha o ciclo da produción láctea coa elaboración de productos (principalmente iogur) de elevado valor engadido e feito sen o uso de pesticidas na alimentación do gando. “Contamos con 200 hectáreas de terra e caracterizámonos polo coidado da biodiversidade, dos animais e de todo o proceso produtivo”, engade Fernández-Armesto.  

As vacas de Xanceda non consumen herba tratada con pesticidas e deben vivir ao ar libre e alimentarse de xeito fundamental con pastoreo. Ademais, respéctase o ciclo natural dos animais e coidase especialmente a súa saúde.  

A presenza maioritaria das mulleres é tamén un dos sinais de identidade deste proxecto. “Foi algo natural dende o principio e ademais apostamos por contar con persoas que compartan os nosos valores”, indica Fernández Armesto.  

Casa Grande de Xanceda aposta tamén por difundir a idea de que é posible quedar no rural e leva a cabo unha actividade económica sostible que axude a fixar poboación en zonas lonxe dos grandes núcleos de poboación. “Outro dos puntos fundamentais da nosa actividade é levar a cabo accións educativas tanto para o coidado do medio ambiente, dirixidas aos nenos, como para fomentar o emprendemento rural. A nosa política de Responsabilidade Social Corporativa ten distintos programas para actuar nestes campos”, explica a responsable da empresa. 

Marca de prestixio

A gandería de Casa Grande de Xanceda xa foi rexistrada como ecolóxica en 2002 e actualmente a marca é a segunda maior produtora ecolóxica de España. No ano 2007 comezou a funcionar a iogureira que permitiu á granxa elaborar un produto con certificación ecolóxica e realizado integramente con leite. Para iso levouse a cabo un proceso de investigación en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela, que permitiu acadar un iogur elaborado íntegramente con leite ecolóxica e con cualidades organolépticas moi boas.  

Os iogures de Casa Grande de Xanceda son un produto de gama alta que non pretende competir coas grandes firmas do sector, pero co tempo consolidouse como unha marca de prestixio que vende dentro e fóra de Galicia. Son a mellor carta de presentación da marca aos consumidores que procuran calidade.  

Fernández-Armesto apunta que cara ao futuro a intención é a de continuar desenvolvendo un proxecto de agricultura ecolóxica que contribúa a que Galicia poida chegar a converterse no epicentro deste tipo de actividade en Europa. “Temos condicións para conseguilo xa que somos un dos poucos territorios en Europa que conta con terras de elevado valor natural”, indica. “Nós queremos contribuír a concienciar á xente da importancia de contar cunha agricultura e gandería sas e que aporten solucións para contar cun planeta máis sostible”.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome