O Grupo SING cumpriu xa vinte anos de investigación no campus de Ourense da Uvigo. Foto: Cedida

Biomedicina e ciberseguridade: as claves dos vinte anos de investigación do Grupo SING

Biomedicina e ciberseguridade son os principais ámbitos de actuación do grupo gañador da VI edición dos Premios Spin-Off PuntoGal

Dous ámbitos de actuación aparentemente pouco conectados como son a biomedicina e a ciberseguridade son os elixidos polo Grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING) – adscrito a Universidade de Vigo no seu Campus de Ourense– para desenvolver a súa tarefa coa aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial, Minería de Textos e das TIC. O traballo realizado dende a súa creación no ano 2001 levouno a obter o galardón dedicado aos grupos de investigación galegos na VI edición dos Premios Spin-Off PuntoGal. 

Florentino Riverola, investigador principal e coordinador do grupo, explica que dende os seus inicios a principios do século XXI o grupo ten como misión principal trasladar as posibilidades da informática ao terreo da investigación sanitaria. Isto permitiu acadar importantes logros nos últimos anos con proxectos como o InnoCBR ou Polydeep, que aínda se está a desenvolver.

No caso deste último proxecto, que arrancou no ano 2018, as investigacións do grupo SING en colaboración con médicos dixestivos do CHUO de Ourense permitiu desenvolver un software para mellorar a detección dos pólipos nas colonoscopias. Polydeep atópase nunha fase de proba de concepto e está pendente da súa validación clínica para poder comercializarse. Xa se conta con tres prototipos aprobados e ao longo do próximo ano se agarda que o produto poida saír ao mercado. 

No terreo da ciberseguridade a actividade do grupo SING céntrase en proxectos destinados á detección do correo-spam. Dende o ano 2005 comezaron a aplicar as súas investigacións neste terreo tamén con bos resultados. “Biomedicina e ciberseguridade son dous campos que resultan unha aposta segura. Dende moi cedo traballamos de xeito paralelo en ámbolos dous terreos pero nos últimos anos van xurdindo oportunidades de colaboración entre eles, por exemplo en todo o que se refire á protección de datos dos pacientes”, explica Riverola. 

UN GRUPO EN CRECEMENTO

O grupo conta na actualidade cun total de 11 membros a tempo completo, despois de dúas recentes incorporacións. Todos eles proceden da Escola de Enxeñería Informática de Ourense cunha composición case paritaria (seis homes e cinco mulleres) o que é algo a destacar nun sector da investigación onde aínda a presenza das mulleres soe ser moi minoritaria. “Dende o principio queríamos favorecer que as mulleres estiveran presentes no grupo e o temos conseguido”, sinala Riverola. 

Cara ao futuro, o investigador principal do grupo SING apunta que o obxectivo é cumprir a planificación realizada ata o ano 2025 e afondar no proceso de internacionalización do grupo, cun incremento da colaboración en proxectos con grupos de referencia doutros países. Outro dos obxectivos é obter maior partido do know-how co que conta o grupo. 

“Semella que cando fas investigación moitas cousas quedan no ámbito local pero ao final estamos nun mercado global polo que aspiramos a formar e reter o talento aquí en Ourense e iso sempre ten sido un obxectivo do grupo tamén”, indica Riverola. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome