A compañía pontevedresa Hifas da Terra (Selo de Calidade), a start-up Saega (Idea Emerxente) e o Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial LIA (2) (Grupos de Investigación) resultaron elixidos gañadores da VII edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que convoca GCiencia.
O bo nivel das propostas presentadas foi un dos factores destacados polo xurado nesta nova edición dos premios, que contan co patrocinio do dominio PuntoGal e coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.
Nunha reunión celebrada esta semana en Santiago, o xurado acordou a concesión do premio nas tres categorías por unanimidade, aínda que despois dun intenso debate. Entre os obxectivos da convocatoria figuran os de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e o de alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios.
Selo de calidade
No apartado Selo de Calidade, que distingue empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio nos últimos anos, prémiase a candidatura da empresa Hifas da Terra, compañía pontevedresa que leva 25 anos de traxectoria e xa se consolidou como empresa biotecnolóxica líder en Europa na comercialización de produtos sanitarios e farmacéuticos baseados en fungos. O xurado destacou a traxectoria de éxito internacional dunha compañía que ademais se amosa orgullosa da súa galeguidade e aposta polo papel da muller en postos destacados e por impulsar proxectos innovadores no seu campo.
Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de recente creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora en tempos recentes, foi elixida como gañadora a empresa Soluciones Aeronáuticas de Galicia (Saega) de Serra de Outes. A compañía está a desenvolver un proxecto empresarial para poñer no mercado o próximo ano un tipo de dron, o Anduriña 25, con características moi especiais. O xurado destacou especialmente o excelente deseño do plan de negocio de Saega e as boas posibilidades de futuro da idea emprendedora.

Presenza de mulleres
No que se Grupos de Investigación, o xurado acordou elixir como gañador ao Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial LIA (2), un grupo integrado no CITIC da Universidade da Coruña, composto por investigadores de diferentes áreas que traballan na aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións. Ademais do grande interese dos proxectos que está a desenvolver, o xurado avaliou moi positivamente a presenza de mulleres no grupo e o feito de promover actuación inclusivas.
As integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras, Sonia Martínez Arca e María José Rodríguez Malmierca; a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín, e a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta, Irene Bonome. O acto de entrega dos premios terá lugar o próximo 10 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago e contará coa presenza de autoridades institucionais e do mundo universitario.
En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria coma Mestrelab ou Galchimia, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego coma All Genetics ou Situm. En 2022 os gañadores foron o grupo SING (Grupos de Investigación), Indestia (Idea Emerxente) e Casa Grande de Xanceda (Selo de Calidade).
Casa Grande de Xanceda, Indestia e o Grupo SING reciben os Premios Spin-Off PuntoGal