Os premios Spin-Off PuntoGal distinguen a empresas e grupos de investigación innovadores. Foto: Anxo Iglesias

Últimos días para que empresas e grupos de investigación presenten candidaturas aos Premios Spin-Off PuntoGal

Nesta edición o xurado dos galardóns está integramente composto por mulleres

A VII edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que distinguen ás empresas e grupos de investigación máis innovadores, ten aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o próximo 15 de xullo. Os interesados poden presentarse aos mesmos a través do seguinte formulario: https://i.gal/so23 ou a través do email spinoff@dominio.gal.

O dominio PuntoGal e GCiencia organizan conxuntamente uns galardóns no que colaboran a Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis. Os premios contan con tres apartados diferentes (Selo de Calidade, Idea Emerxente e Grupos de investigación) para recoñecer o traballo tanto das empresas innovadoras xa máis consolidadas, como ás que están dando os primeiros pasos e aos grupos de investigación cunha traxectoria especialmente destacada.

Entre os obxectivos dos premios figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios. Ademais, os organizadores buscan salientar iniciativas nas que prime a igualdade de xénero así como o uso do idioma galego

No apartado Selo de Calidade recoñecese á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas coma Imatia, Galchimia, Innolact, Mestrelab ou Casa Grande de Xanceda que foi a gañadora en 2022.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán galardoadas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora foi Indestia, spin-off da Universidade da Coruña (UDC), e noutras edicións obtiveron o galardón outras compañías que destacan polas achegas innovadoras como Situm, All Genetics e Psico VR.

Os premios contan tamén cunha categoría que recoñece o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo SING, vinculado á Universidade de Vigo.

XURADO TOTALMENTE FEMININO

Na sua VII edición os premios Spin-off PuntoGal volverán contar cun xurado de prestixio, formado integramente por mulleres, no que destaca a presenza de investigadoras científicas e divulgadoras.

María Xosé Rodríguez Malmierca é doutora en Filosofía e coordinadora da Area de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Carme Pampín é unha das fundadoras e actual CEO da empresa Galchimia, referente internacional en química orgánica.

Edita de Lorenzo é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e autora de numerosas publicacións científicas.

Andrea Muras é divulgadora científica e conta con másters en Biotecnoloxía e Cultura Científica.

Pola súa banda, Sonia Martínez Arca liderou a posta en marcha de Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis) e actualmente é a CEO da empresa bioquímica Celtarys.

Irene Bonome, que se incorpora nesta edición ao xurado, foi directora de Área de Sociedade Dixital da Amtega e actualmente exerce como Subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia.

O xurado realizará as súas deliberacións tras o peche do período de recepción de candidaturas e os gañadores nos distintos apartados se darán a coñecer durente o mes de outubro. O acto de entrega dos galardóns celebrarase antes do final de ano en Santiago de Compostela.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no microsite talentodegalicia.gal, un portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. As bases dos premios  están publicadas e pódense consultar nas webs de PuntoGal e GCiencia así como nesta ligazón: https://i.gal/bso23

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome