Foto de familia dos premios.
Foto colectiva de premiados e autoridades da VI edición del Premios Spin-Off PuntoGal. Foto: Anxo Iglesias

Casa Grande de Xanceda, Indestia e o Grupo SING reciben os Premios Spin-Off PuntoGal

A Facultade de Económicas da UVigo acolleu o acto de entrega dos galardóns, que este ano cumplen a súa sexta edición

As empresas Casa Grande de Xanceda e Indestia  e o grupo de Investigación Sistemas Informáticos de Nueva Generación (SING) recibiron hoxe no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo os galardóns da VI edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, convocados por GCiencia para distinguir ás empresas e grupos máis innovadores da comunidade autónoma.

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; a vicerreitora de Investigación da UVigo, María Belén Rubio, e a concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María Xosé Caride, asistiron ao acto. Os premios están organizados por GCiencia co patrocinio da Asociación PuntoGal e a colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.

Durante a súa intervención, Fernández Tapias destacou que a innovación e a investigación son xeradoras de emprego en Galicia e reivindicou o papel da muller na ciencia. Destacou as cualidades dos premiados nesta edición e apuntou que as administracións teñen a obriga de estar ao carón das empresas que apostan pola innovación.

Investigación universitaria

Pola súa banda, María Xosé Caride refiriuse á importancia de premiar a transferencia de coñecemento, como fan estes premios, e destacou a “ilusión” que mostraron os premiados á hora de facer o seu traballo xa que considera que é un factor fundamental para conseguir que un proxecto empresarial ou de investigación teña éxito.

Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, indicou que a investigación en España atópase fundamentalmente en mans das universidades polo que é necesario potenciar a transferencia á sociedade. Tamén destacou a cualidade das candidaturas gañadoras nesta edición dos galardóns.

 

A vicerreitora de Investigación da Uvigo, María Belén Rubio, apuntou a necesidade de que os fondos Next Generation da UE poidan empregarse en Galicia para corrixir as deficiencias en materia de transferencia de tecnoloxía existentes na Comunidade Autónoma.

Premiados

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi Indestia S.L, spin-off da Universidade da Coruña, pola posta en marcha e desenvolvemento de PhotoIlike, unha ferramenta baseada na intelixencia artificial que permite seleccionar as fotos que van ter maior impacto entre o público e que, polo de agora, aplícase especialmente no sector inmobiliario. Neste apartado foi distinguida como finalista a empresa Diversa Technologies.

En Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao grupo SING,  adscrito á UVigo e que desenvolve o seu traballo no campus de Ourense. Conta cunha sólida traxectoria no campo da investigación biomédica e a ciberseguridade e distínguese por ter unha ampla representación de mulleres entre o seu corpo de investigadores.

Por último, Casa Grande de Xanceda obtivo o galardón no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras cunha traxectoria de prestixio. Neste caso a marca conta cunha historia de case medio século no rural galego e apostou polo compromiso co médio ambiente, o coidado dos animais e a defensa de causas sociais como darlle visibilidade ao papel da muller no mundo rural. Destacouse ademais a calidade dos seus produtos, que contan cun selo ecolóxico e poden atoparse en diversos puntos da xeografía española.

Transferencia de coñecemento

Entre os obxectivos destes galardóns figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Tamén se tiveron en conta polo xurado factores como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.

Os integrantes do xurado foron as investigadoras María José Malmierca, Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín.  En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Mestrelab ou Innolact, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome