17 guías para o 17 de maio: configúrate para usar o galego na rede

PuntoGal pon a disposición da comunidade unha serie de guías que posibilitan o uso da lingua nos dispositivos móbiles, redes sociais e programas

A presenza da lingua galega na rede, aínda que segue atopándose con obstáculos para atoparse nunha situación de ‘normalidade’ fronte a outras, vese reforzada pola presenza dunha comunidade moi activa que achega todo tipo de recursos e ferramentas. Neste sentido, a posibilidade de usar as diversas redes sociais e ferramentas ofimáticas ou configurar os dispositivos móbiles na lingua propia é un pequeno pero importante paso para que o galego se faga oco no mundo do século XXI.

Co obxectivo de contribuír a que a cidadanía siga este camiño, a asociación PuntoGal pon a disposición no seu portal unha serie de 17 guías básicas para conseguilo (ligazón aquí). Dun xeito gráfico e sintético, a serie amosa as ferramentas precisas para configurar en galego paquetes como LibreOffice ou Microsoft Office, redes como Facebook, Telegram ou Twitter, navegadores como Firefox, servizos integrais como Google e sistemas operativos como Android, Windows ou iOS. O crecemento da comunidade de usuarios que dan este paso contribúe a mellorar o posicionamento da lingua na rede e, polo tanto aumentar a súa visibilidade.

Promoción de dominios

Co gallo do Día das Letras, PuntoGal achega tamén unha promoción de rebaixa no prezo dos novos dominios. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 15 euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes desde o día 15 e ata o 30 de setembro. Hai máis información no web de PuntoGal.

PuntoGal, que xa supera os 5950 dominios rexistrados, segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega poidan facelo.

O dominio segue a manter o seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as actividades xa realizadas figura a colaboración coa localización en galego do navegador Firefox, o concurso de microrrelatos coa RAG, o apoio ó Día das Rapazas nas TIC do CESGA, a First Lego League Galicia ou o patrocinio das seleccións galegas de fútbol gaélico. O dominio forma parte, igualmente, da Asociación internacional de dominios Geotlds, do RYSG Group e participa activamente das actividades da ICANN, organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Insira aquí o teu nome